A politización da mocidade galega e extremadamente baixa. Non é unha nova recente que grande parte da mocidade opta pola abstención nos procesos electorais, nin é nova a tendencia a asumir os valores dominantes.
Segundo o estudo elaborado polo Observatorio Galego da Xuventude dependente da Dirección Xeral de Xuventude ostentada polo noso compañeiro Ruben Cela, o 65'19% da xente nova manifesta ter pouco ou ningún interese pola política, apenas un 13,19% manifesta o seu interese por colaborar cun partido político e menos dun 9% colabora ou colaborou con eles.
Non podemos achacar unicamente ese desinterese ás longas xornadas lectivas e laborais, sen dúbida parte da explicación, pero a outra parte, indefectibelmente, é a incapacidade das organizacións políticas xuvenís, como Galiza Nova, de ilusionar e incitar á acción política. A nación galega e a súa viabilidade futura precisan de que o nacionalismo xuvenil lidere e hexemonice o discurso político xuvenil, e isto esixe a mobilización política da xente nova e a consecuente reversión das tendencias reacionarias no seu seo: apenas o 28% da xente nova séntese só galego ou máis galego que español, cando somos un dos países menos afectados pola inmigración derivada da actual globalización pois só o 2,16% dos estranxeiros chegados ao Estado Español se instalaron na Galiza, o 35,68% da mocidade pensa que hai demasiados estranxeiros e o 44,92% pensa que son moitos. Temos unha responsabilidade histórica. Algunhas cuestións:
É pola propia configuración do sistema político a grande escala?
Polas organizacións xuvenís que operan nel?
Precisamos os mozos e mozas dotarnos dunhas ferramentas menos organicistas e máis dinámicas, horizontais e informais?
Debemos dende o nacionalismo facer unha revisión da situación da sociedade galega e nomeadamente da mocidade?
É Galiza Nova un instrumento eficaz?
A quen nos debemos dirixir? Con que métodos?
A Mocidade Socialista Galega, a organización da mocidade nacionalista integrada en GN, quere convidarvos a participar. Porque só cunha sincera discusión poderemos ter as ferramentas necesarias para facer de Galiza Nova e do Bloque Nacionalista Galego organizacións abertas e hexemónicas. O obxectivo é claro e meridiano: ser un intrumento EFICAZ de construción nacional, benestar e radical transformación social.
No acto presentase e darase de balde a axenda académica 09/10 da MSG (“A mocidade nacionalista, estudando por unha Galiza con futuro!”) con datas sinaladas e artigos de formación.
Participarán no grupo de discusión:
Xoán Bascuas. Executiva Nacional do BNG.
Antom Fente, por Encontro Irmandiño.
Tareixa Táboas. Coordinadora Executiva do BNG.
Paulo Carlos López, pola Mocidade Socialista Galega
Carlos Aymerich. Portavoz Parlamentario do BNG.
Laura Arjonilla, por ISCA!










