É preciso vivir na estratosfera para non decatarse de que hoxe, domingo, é a final da Copa do Mundo de Fútbol en Sudáfrica. Con pouca verticalidade no desprazamento do imprevisible Jabulani, e cunha estratexia de contención nos centros do campo, certo é que este Mundial non será lembrado polo seu xogo bonito. Alén do fracaso absoluto e sen paliativos da lusofonía (Brasil e Portugal) e as tamén decepcións de Arxentina, Italia e Inglaterra, o máis salientable será a final inédita entre as seleccións holandesa e española. Aquí, en Galiza, a expectación creada arredor desa construción mediática (La Roja) non é cativa nin anecdótica: bandeiras penduradas dos balcóns, berros de “Yo soy español, español”, “Viva España”, “Cataluña es España” cun longo etcétera e con maior capacidade inventiva de cánticos a medida que avanza a noite e o estado etílico dos seareiros medra exponencialmente.
Dende unha observación estritamente científica, como aquela que establecía Durkheim, na que estipulaba que para analizar a realidade é preciso alonxarse dela, isto é, dende unha visión de paxaro, se se quere mesmo cenital, non podemos concluír outras cousa que o deporte, e máis concretamente a selección española e todo o que a rodea, son a día de hoxe unha ferramenta con vocación intencional, con maior ou menor concreción, pero cunha carga política innegable. Non fai falla máis que mirar aos cativos e cativas, interiorizando e reproducindo uns símbolos e unhas mensaxes que non son precisamente neutras.
Só dende un perspectiva tremendamente maniquea, simplista, superficial e pouco inclusiva podemos entender ao deporte como unha esfera sen interrelación directa coa política. E moito máis cun elemento con tanta carga ideolóxica como unha selección de fútbol “nacional”. E logo...que é negar a participación en competicións internacionais a Galiza, Euskadi e Catalunya con seleccións propias, máis que unha decisión política? En que quedamos? O deporte é ou non política? É como quen utilizaba aqueles argumentos herdados do franquismo e perpetuados pola súa expresión sociolóxica hoxe en día, no que a política non existía, só existía a xestión, e o fútbol só é fútbol. Pero claro, ata que te movías da foto. Aí xa ficas en terreo perigoso e intentas politizar o que non debe ser politizado. Non vaia ser! Pois non. Negalo é darlle un patada, un chute como o de Van Bronckhorst á historia, á politoloxía, á Escola de Frankfurt e ao cientificismo; en fin, dicir que a selección española non ten que ver coa política. Só é fútbol. Só é deporte. “É que vós sodes uns fanáticos, vendes política ata na sopa”. ¡Manda truco, nós os fanáticos! E dismo ti, coa cara pintada de bandeiras e berrando coma un energúmeno...
“La Roja”, o merchandising dunha forma de estado, non deixa de ser un subterfuxio de exaltación protonacionalista, si, dese nacionalismo español que se pretende inxectar en vea a través de moi diversos métodos. O máis salientable, ese chouvinismo dos medios de comunicación cun xornalismo propio de rexímenes totalizadores, deses que secuestran conciencias e que absorben ao propio individuo na dinámica dunha masa con certo comportamento troglodita.
Señoras, señores, non sexamos inxenuos. O deporte é en si é política, con moitos e moi diversos matices, mais ao fin e ao cabo política. Política para os que entendemos este termo como inclusivo nunha democracia que e debe ser algo máis que unha simple oferta de marcas electorais. E no caso concreto da situación dun fracasado Estado español, a selección española convértese nun expoñente claro e meridiano dun modelo excluínte e negador que se pretende impoñer a toda costa.
Estes días téñenme acusado de ser “antiespañol”, de que para reafirmarme na miña identidade galega non preciso ir contra ninguén. Razón non lles falta. Máis neste caso, semella que están eles actuando como anti-galegos. E non por sentirse (lexitimamente) españois. E é que a identidade galega e española, a día de hoxe e con ese modelo unidimensional de España que parece non ter voltas atrás, son categorías mutuamente excluíntes. Dende unha perspectiva dialéctica, entra dentro da lóxica un confronto aínda que só sexa formal.
Non teño nada contra España. España, de feito, pode chegar a ser un gran país, como dicía un bo amigo meu, aínda que polo de agora vai polo mal camiño. Pero pode chegar a selo. Non é o meu país, dende logo. Mais o primeiro que ten que deixar de facer é impoñer unha forma monolítica de ver o mundo. O problema radica en todos aqueles argumentos esgrimidos por aqueles que che obrigan a ser o que non queres ser. Cantas veces teño escoitado “Eres español aunque no queiras!” ¿Que pone tu DNI?”. Ou cousas semellantes.
Téñenme preguntado tamén a razón pola cal teño que ir “contra a maioría”. Esa fórmula tan perfecta que convirte a tiranía en benevolencia e as decisións políticas en simple xestión do día a día. Estaría ben lembrarlle a máis dun que a maioría outorga lexitimidade, certo é, pero moitos dos casos non a razón. Noutros tempos e noutras latitudes, houbo algúns tolos utópicos que remaban contracorrente, contra esa “maioría” que dicían que a terra non era redonda; ou sen ir tan lonxe, eses outros que reclamaban coa súa vida os dereitos das mulleres ao sufraxio ou a súa autonomía reprodutiva; ou aqueles que solicitaban os dereitos do colectivo LGTB cando unha “maioría” os cualificaba de ir “contranatura”.
Botando unha ollada cara atrás, nese proceso de construción dun Estado plurinacional e respectuoso, o galeguismo histórico foi quen máis puxo da súa parte para entrar a formar parte desa “Hespaña” que cualificaba Castelao, máis nunca pasar por sermos casteláns, senón para formar parte dunha unidade entre iguais. Visto o visto, España é dificilmente reformable. Só hai un proxecto de Estado daqueles que non están dispostos a moverse nin un ápice. Esa España unidimensional, reaccionaria e mesmo regresiva é un proceso fracasado, posto de manifesto onte en Barcelona, onde milleiros de persoas desfilaron nunha impresionante manifestación na defensa da dignidade do pobo catalán e en contra dunha decisión do Tribunal Constitucional, que, dirán algúns, tampouco é política.
Como falaba unhas das personaxes da famosa triloxía de Valle-Inclán. “España, ese corral nublado”. Para que perder máis enerxías! España é un sitio e un lugar do que para existir como persoa e como pobo só podo que desmarcarme. Como Sneijder da defensa española.
Paulo Carlos López
Doutorando en comunicación política,
xornalista e politólogo. Secretario Xeral da MSG










