Esta semana tivo lugar o Debate sobre o Estado da Nación no parlamento.
Ao longo da súa intervención, o portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, foi desmontando una por unha as mentiras do goberno feixista, deixando en evidencia a súa hipocrisía. Aymerich afirmou que o goberno galegófobo de Feijoo non fixo máis que dividir á sociedade galega, coa súa teima en privatizar os servizos sociais e atacar os nosos sinais de identidade.
Así, referiuse en varias ocasións ás accións dos conselleiros, facendo especial fincapé na teimuda actitude do de incultura, Roberto Varela, tristemente famoso polas súas viaxes a lugares imaxinarios como “Desván de los Monjes” e “Toro” . A súa parte levan tamén a señorita Mato, a Sor conselleira Farjas e Rueda, alicerces da política máis regresiva no social.
Mención aparte, por suposto, mereceu o conselleiro de (mala)educación, que ante as acusacións do portavoz parlamentar do BNG fixo como quen nega todo… Pobre… Nin que fora o encargado de demoler a estrutura sobre a que se alicerza a supervivencia do idioma Galego no sistema educativo.
Feijoo, que nun discurso totalmente exento de autocrítica debuxou unha Galiza irreal, foi escoitando como todas e cada unha das súas mentiras tiñan unha clarificadora resposta por parte de Carlos Aymerich.
Non é de esperar que un goberno fale mal de si mesmo, máis é de recoñecer que este ano Feijoo demostrou ser unha grande imaxinador. E selectivo. Imaxinou un paraíso, e ao tempo deixou de lado todas as súas promesas electorais.
A intervención de Aymerich debuxa ás claras a liña que segue o BNG, e que debe seguir para o futuro: unha oposición firme e inamovíbel na defensa das e dos galegos, máis disposta a apoiar todas aquelas iniciativas a favor do país, como foi o caso da lei de caixas. Un discurso, claro e sinxelo, sen entelequias e achegado á realidade e aos verdadeiros problemas da xente.
Dende a Mocidade Socialista Galega non podemos máis que parabenizarnos de ter un grupo parlamentar serio e con ganas de traballar. As propostas e iniciativas do BNG foron na liña de defender Galiza, e a intervención do Portavoz Parlamentar non fixo máis que reafirmar esa sensación.
Ante un “pesedegá” desnortado e ausente, e un “pepé” radicalizado en extremo, e ambos sucursais baixo directrices directas das súas matrices españolas, é de loubanza que a única voz nidiamente galega se escoitara tan claramente.
Efectivamente, este non é o presidente que Galiza precisa.
Galiza precisa un presidente que se centre en gobernar Galiza. En defender os servizos sociais públicos. En loitar por ela, e defender os intereses de todas e todos. Non en defender os seus intereses,e os dos seus amigos empresarios…










